O CONCELLO REALIZARÁ UNHA ACTUACIÓN PARA MANTER VIVA A MEMORIA DA PALMEIRA DO ‘CINE ZÁRATE’
O Concello de Mugardos informa que, tras a retirada no día de onte do exemplar de palmeira canaria situado xunto ao edificio do histórico Cinema Zárate, na Avenida de Galicia -que lamentablemente morreu como consecuencia da praga do picudo vermello- levará a cabo unha pequena actuación na zona co obxectivo de conservar o seu recordo na memoria colectiva do municipio.
Desde a concellería de Obras, Servizos, Medio Ambiente TICs realizáronse todos os tratamentos posibles para tratar de salvar o exemplar, aplicando as medidas fitosanitarias recomendadas en coordinación cos servizos técnicos. Con todo, os informes especializados confirmaron a morte irreversible da árbore, o que obrigou á súa retirada por razóns de seguridade ante o risco de caída.
O Concello xa encargou un orzamento para unha intervención conmemorativa no lugar, que permitirá manter vivo o valor simbólico que esta palmeira tiña para xeracións de veciños e veciñas de Mugardos. O concelleiro delegado, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, sinalou que “fixemos todo o posible por conservar a palmeira, aplicando tratamentos e seguimentos durante meses, pero a praga do picudo vermello terminou afectándoa de forma irreversible. Sabemos que esta árbore tiña un gran significado para Mugardos, e por iso queremos que o seu recordo permaneza. Esta actuación busca render homenaxe a un elemento que formou parte da historia e da memoria colectiva do noso pobo.”
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio local, tanto natural como sentimental, e coa posta en valor dos espazos urbanos que representan a identidade e a historia de Mugardos. A actuación desenvolverase nas próximas semanas e enmárcase na liña de intervencións municipais destinadas a preservar a contorna histórica e o carácter singular do municipio.