Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

 O CONCELLO DE MUGARDOS AVANZA NA XESTIÓN TRIBUTARIA DA MAN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA

O Concello de Mugardos reforza o seu compromiso coa eficiencia, a transparencia e a estabilidade financeira mediante a delegación de competencias de xestión, inspección e recadación tributaria na Deputación provincial da Coruña. Desde 2020, o goberno municipal traballa de xeito constante para garantir unha administración máis eficaz e asegurar que a xestión da recadación municipal se realiza de forma profesional e responsable.

A finalización do contrato de prestación de servizos de colaboración na xestión tributaria en xaneiro de 2021 deixou a prestación do servizo nunha situación precaria, sen posibilidade de prórroga segundo o prego de cláusulas administrativas. A delegación permitirá á Deputación actuar con maior marxe de maniobra fronte a desequilibrios de tesourería do Concello, mediante anticipos ordinarios ou extraordinarios de recadación, sen que iso supoña custo algún en intereses para o Concello. Esta medida é especialmente relevante ante as dificultades económicas que atravesou o Concello nos últimos anos, derivadas da redución de ingresos polo IAE, o aumento de facturas pendentes de aplicar ao orzamento, o custo da subministración eléctrica e a implantación do canon de xestión de depuradoras por Augas de Galicia.

O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, destacou que “con esta delegación, buscamos que a administración local poida funcionar con total normalidade e que os pagos a provedores e a prestación de servizos non se vexan interrompidos. É un paso fundamental para garantir a estabilidade e o bo funcionamento do Concello”. Pola súa banda, a concelleira de Facenda, Ana Varela, subliñou que “a delegación de competencias na Deputación permitiranos xestionar de maneira máis eficiente os recursos municipais, asegurar a recadación e, sobre todo, mellorar a prestación de servizos aos veciños e veciñas. É unha medida estrutural que reforza a sustentabilidade financeira do Concello a longo prazo”.

Entre as competencias que se delegarán inclúense:

• Xestión e recadación voluntaria e executiva do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica e do Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (plusvalía).

• Recadación voluntaria e executiva de taxas de subministración de auga, recollida de lixo, rede de sumidoiros, colectores e estacións de bombeo, así como taxas por aproveitamento especial do dominio público.

• Xestión, inspección e recadación de ingresos non periódicos, como servizos de contraincendios, multas coercitivas por limpeza de leiras ou por incumprimento de deberes urbanísticos.

O Concello de Mugardos xa contaba con delegacións en materia de sancións de tráfico e xestión de aproveitamentos especiais, e coa entrada en vigor desta nova delegación amplíase significativamente o ámbito de actuación da Deputación, asegurando o cumprimento da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira e a correcta harmonización dos recursos municipais.

A delegación terá unha vixencia de 10 anos, garantindo a estabilidade e continuidade do servizo. Con esta medida, o goberno municipal reafirma o seu compromiso coa xestión responsable, a transparencia e a mellora continua dos servizos municipais, velando polo benestar e a seguridade financeira de todos os veciños e veciñas.

Back to top