Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS INFORMA DO PLAN ESPECIAL DE TRÁFICO CON MOTIVO DAS PEPITAS 2023

O desfile suporá unha modificación do tráfico rodado

O alcalde e concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Domingo de Deus informou hoxe do operativo especial de tráfico para as Pepitas 2023 que terá lugar o próximo sábado 25 de marzo.

A partir das 17.00 horas terá lugar a concentración no porto de Mugardos das rondallas que estarán este ano en Mugardos. O rexidor sinalou o dato de que por primeira vez participarán 9 agrupacións, grazas á incorporación da Rondalla ‘O Son do Mar’. As rondallas sairán do porto mugardés pola Avenida do Mar cara a Avenida de Galicia facendo paradas no seu desfile mentras interpretan as súas cancións ata a rúa Os Corzás onde se celebrará o certame de rondallas no Casino Mugardes dando comezo as actuacións ás 18.30 horas.

Derivado destes eventos, De Deus expuxo a necesidade de facer axustes no tráfico e de movilizar efectivos da agrupación municipal de voluntarios de Protección Civil, a os que agradeceu por adiantado o seu traballo “que é sempre espectacular”.

Así, sinalou que nos cruces da rúa Peteiro con Lousido e San Fernando procederase a desviar o tráfico procedente de Peteiro cara a rúa San Telmo e San Fernando, co fin de que non chegue á Avenida de Galicia e non colapsar a intersección con Peteiro dándolle continuidade ao tráfico. Os vehículos que pretendan baixar ao porto e os pantaláns deberán facelo pola rúa Real.

No caso do cruce da rúa Contramaestre Casado coa AC-133, desviarase o tráfico con sentido saída para non colapsar a intersección de Avenida de Galicia coa rúa Os Corzás dándolle continuidade ao tráfico.

Na Travesía Portela desviarase o tráfico cara a AC-133 coa colocación de sinalización na rúa Cotellón para darlle continuidade ao tráfico en sentido de saída de Mugardos.

No caso da rúa Os Corzás, procederase a desviar o tráfico no cruce coa rúa Castelao, invertindo o sentido de circulación da rúa para desviar o tráfico procedente dos Corzás cara á rúa Castelao. Derivado desta modificación, colocarase sinalización de dirección obligatoria tanto na rúa O Casal como na rúa Apelón, sentido Ares. De xeito complementario, e facilitando sempre o acceso desde Os Corzás ao supermercado Familia, impedirase a circulación de vehículos nos Catro Camiños cara a Avenida de Galicia.

Para rematar co relativo ao tráfico, o alcalde confirmou que non se poderá acceder desde o aparcamento do Cabo Leiras ata a Avenida do Mar, procedendo a desviarse o tráfico cara a rúa Catroventos.

Dentro do dispositivo sanitario, o evento movilizará dúas ambulancias, sitas na rotonda do peirao e no Casino Mugardés.

O alcalde recomendou á veciñanza que no posible, se despracen a pé, tanto para poder desfrutar do evento desde o desfile como para facilitar o dispositivo de seguridade.

Finalmente, De Deus quixo compartir o xa sinalado pola concelleira de Cultura, Begoña Roldós na presentación da programación das Pepitas 2023, celebrando que “podamos continuar recuperando as nosas tradicións e enchendo o noso municipio de música e cultura”.

Back to top