SESIÓNS INFORMATIVAS SOBRE AS NOVAS APLICACIÓNS TECNOLÓXICAS DO SERGAS NO CENTRO DE SAÚDE DE MUGARDOS
As sesións celebraránse todos os martes de febreiro de 8.00 a 15.00 horas
A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou de que todos os martes do mes de febreiro de 8.00 a 15.00 horas, o SERGAS ten programadas no Centro de Saúde de Mugardos, sesións informativas para informar a tódolos usuarios das novas aplicacións e tecnoloxías dispoñibles en Galicia, para realizar diferentes xestións e consultas relacionadas coa saúde.
Os obxectivos destas xornadas son dar a coñecer a existencia e o uso da Chave365, presentar as opcións e utilidades na xestión da saúde do programa É-Saúde e informar sobre as utilidades, opcións e funcionalidades máis interesantes da aplicación SERGAS MÓBIL.
Os técnicos presentes resolverán tamén calquera dúbida que poida xurdir con respecto das aplicación técnolóxicas do SERGAS, co fin de reforzar as destrezas dos usuarios no seu manexo cotiá.
A concelleira quixo animar á veciñanza a achegarse ata o centro de saúde mugardés, xa que “a utilidade das novas ferramentas tecnolóxicas na xestión sanitaria é enorme. Podemos pedir cita no centro de saúde, dispoñer de Telea ou da tarxeta sanitaria virtual, acceder á folla de medicación activa e á historia clínica entre outras moitas tarefas, a calquera hora e desde calquera lugar, simplemente co noso teléfono móbil. Estas novas aplicacións axudan aos usuarios e facilitan a xestión da sanidade pública”.