Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS PRESENTA A PROGRAMACIÓN DO ENTROIDO 2023

Serán 3 días, do 19 ao 21 de febreiro con diversión para grandes e pequenos

A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, presentou hoxe o programa do Entroido 2023 que desenvolverase entre o 19 e o 21 de febreiro.

O entroido mugardés arrinca o domingo 19 ás 18.00 horas no Casino Progreso de Franza co Entroido de Maiores, unha merenda-baile chea de música e diversión, e na que haberá un sorteo de cestas de produtos típicos do entroido entre os participantes que asistan disfrazados.

As comparsas serán as protagonistas do segundo día de festa, coa celebración do Luns de Comparsas desde as 17.30 horas, que consistirá nun desfile desde a Casa do Concello ata o Casino Mugardés e no que actuarán as comparsas Xente de Aquí e de Acolá  (Pontedeume) e a da Asociación de Veciños Casas Baratas (Mugardos). Unha vez no Casino, a festa estará amenizada polo grupo musical Los Guajiros. A partir das 20.00 horas realizarase o reparto de orellas entre os veciños e veciñas que se achegen ata o Casino.

O martes 21 chega o momento do Entroido Popular, unha festa pensada para grandes e pequenos e na que a Disco-Móvil de Nova Onda porá a música e os veciños e veciñas cos seus disfraces, e poderán desfrutar dunha tarde no Casino Mugardés desde as 17.30 horas. Os maiores de 18 anos que asistan disfrazados participarán no sorteo de cestas con productos típicos destas datas.

Roldós animou á veciñanza a participar no entroido mugardés organizado polo Concello “un entroido para todos, co que queremos seguir coa tradición de encher as rúas de color e diversión, no que todas as actividades propostas son gratuitas para que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar destas datas”.

A concelleira rematou a presentación agradecendo a colaboración do Casino Progreso de Franza e o Casino Mugardés, “un traballo conxunto que unha vez máis da os seus froitos” e lembrando que a estas actividades coas sociedades uniráselle tamén o tradicional desfile dos nenos e nenas dos centros de ensino mugardeses que, aínda está pendente de confirmación pero o máis probable é que sexa o venres 17 e para o que o goberno municipal traballa tamén na preparación dalgunha sorpresa para os pequenos participantes.

Back to top