MUGARDOS VOLVE GAÑAR POBOACIÓN EN 2022
É o segundo ano consecutivo no que crece o número de persoas censadas no municipio
O alcalde, Juan Domingo de Deus, presentou hoxe os datos censais de 2022, no que Mugardos chegou aos 5.246 habitantes e logrou aumentar a súa poboación por segundo ano consecutivo, o que non acontecía desde fai case 20 anos.
“Desde inicio dos anos 2000, concretamente desde 2005 non se daba a circunstancia de que Mugardos gañara poboación durante polo menos dous anos consecutivos, sempre disminuíu o censo ou se gañou poboación un ano aislado para seguir caendo ao seguinte. Agora parece que mudou a tendencia e se en 2020 tiñamos 5.215 habitantes, en 2021 chegamos aos 5.226 e en 2022 pechamos o ano con 5.246 veciños e veciñas no censo” analizou o rexedor.
De feito, da serie histórica coa que conta o goberno municipal, que ten como inicio dos datos o ano 1986, so nestes dous momentos en 2005 e en 2022, se deu a circunstancia de que a poboación aumentase dous anos consecutivos.
De Deus valorou tamén as posibles causas deste aumento de poboación, e logo de facer un repaso dos feitos acontecidos durante estes anos, o alcalde sinalou os dous motivos principais que desde o goberno municipal pensan que poden ser a causa desde repunte poboacional. “A xestión da crise sanitaria da COVID no noso concello pensamos que estivo moi enfocada na veciñanza, volcámonos na atención da xente e en cubrir as súas necesidades, e iso animou ás persoas que viñeron pasar a pandemia a Mugardos para quedar, porque por exemplo un dato que é revelador do esforzo realizado e das prioridades que temos é que o número de persoas que atendemos no servizo de axuda no fogar desde 2019 a hoxe aumentou máis dun 40%, pasando de 49 usuarios en decembro de 2019 a 70 en novembro do pasado 2022” sinalou.
“E o outro motivo que vemos que pode estar directamente relacionado co aumento da poboación é o cambio de modelo na xestión. Estamos a priorizar proxectos que fagan máis fácil a vida dos veciños e que Mugardos sexa máis accesible, en resumo que poida desfrutarse dunha maior calidade de vida. Cando a xente vén no verán a Mugardos xa nos di que cada vez teñen máis ganas de quedar, que cada vez é máis fácil e agradable vivir aquí”.
Como retos, o alcalde sinalou que por suposto a súa intención é seguir mellorando os servizos á veciñanza “O noso reto agora é manter ese crecemento da poboación en 2023 e lograr por primeira vez en 40 anos aumentar a poboación de Mugardos durante 3 anos seguidos, o que podería marcar un cambio de tendencia definitivo, nun momento no que no rural estase a vivir unha importante crise demográfica. Ademáis, imos tentar que a poboación que chegue a vivir a Mugardos sexa nova e emprendedora e que logren atopar no noso concello un lugar para formar a súas familias e xerar riqueza para o noso municipio” rematou Juan Domingo de Deus.