Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ARRINCA EN MUGARDOS A PROGRAMACIÓN CULTURAL DE DECEMBRO MARCADA POLA CELEBRACIÓN DO NADAL

A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, presentou hoxe a programación cultural mugardesa para o mes de decembro, marcada polos festexos de nadal e a colaboración co tecido asociativo mugardés.

As actividades organizadas polo Concello para este mes dan comezo coas XXXIII Xornadas de Teatro Afeccionado na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega (SAPG) no Seixo, que durante esta ponte – desde hoxe e ata o día 10 –  acollerá ata 6 representacións teatrais para toda a familia na SAPG sempre ás 19.00 horas.

Hoxe inicianse as xornadas co Mago Teto e a súa obra “As Nosas Letras”. Mañá sábado a SAPG acollerá a Xoan Curiel coa obra “Teatro dos ventos”, o domingo Licor Café interpretará a obra “A idade do Pavosaurio”, o martes 6 de decembro o grupo teatral La segunda juventud representará a obra “Tarde de teatro”. Para o xoves 8 de decembro a programación prevista da a benvida á agrupación teatral de Pedroso coa obra “Nin o demo entende ás mulleres”, e as xornadas de teatro afeccionado rematará o sábado 10 de decembro con Teruca Bouza e a súa obra “Xustiza queredes, xustiza teredes y la tía Veva”.

O acendido das luces de Nadal mugardesas terá lugar o 6 de decembro na praza do Concello ás 18.30 horas cunha festa na que colabora o coro de nenas e nenos da Rondalla Mugardesa e na que Roldós confirmou que haberá moitas sorpresas “que grandes e pequenos sen dúbida desfrutarán”.

A Rondalla Mugardesa actuará de novo o 11 de decembro, nesta ocasión na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega no Seixo ás 18.00 horas.

O sábado 17 de decembro chega o Festival de Nadal á Escola Municipal de Música “As Lagoas” en dúas quendas – ás 17.00 e ás 18.00 horas -, e ao Casino Mugardés ás 20.00 horas coa participación da Coral Estelas do Mar e a Rondalla Mugardesa.

O 23 de decembro cederase a Casa do Concello desde as 18.00 horas para a recepción oficial de Papá Noel aos nenos e nenas que desexen achegarse ata alí a deixar as súas cartas. Ademáis, ese mesmo día, os seus axudantes instalarán en cada parroquia os buzóns oficias de Papá Noel e os Reis Magos para as cartas. Para rematar o día, a Coral Estrelas do Mar actuará a partir das 20.00 horas na SAPG do Seixo.

Durante a seguinte semana, do 26 ao 29 de decembro, celebraranse obradorios de Nadal en todas as parroquias a partir das 18.00 horas para nenos e nenas maiores de 4 años. O luns 26 será o turno do obradoiro de tuneado e reciclado de bolsas de nadal na OMIX, o martes chegará o obradoiro de pintacaras na SAPG do Seixo, o mércores 28 haberá Obradoiro de decoración de galletas navideñas no Casino Progreso de Franza e para rematar, o xoves será o momento de elaborar slime de nadal na SRCD San Xoán de Piñeiro.

A programación municipal do mes de decembro rematará o día 30 de decembro cun espectáculo de maxia da man do Mago Cayetano Lledó na SRCD San Xoán de Piñeiro ás 19.00 horas co seu espectáculo Le Cirque.

Begoña Roldós quixo subliñar que as actividades municipais de nadal non rematan en decembro, e que para a primera semana de xaneiro desde o seu departamento hai tamén actividades previstas como a xa clásica recepción ás Súas Maxestades os Reis de Oriente “Este ano ampliamos a oferta cultural a todo o mes de decembro e esperamos poder incorporar algunha sorpresa máis de cara ás xornadas de Nadal e Reis. Estamos moi satisfeitos pola cantidade de actividades que se van realizar nas parroquias e a colaboración coas sociedades municipais, que permiten ofrecer unha ampla programación para grandes e pequenos”.

Roldós quixo lembrar á veciñanza que esta presentación correspondía ás actividades culturais, pero que desde o Concello tamén se programaron actividades deportivas para este mes de decembro. “Temos o torneo de xadrez os días 9, 10 e 11 de decembro ou a XVII Carreira Popular de fin de ano organizada conxuntamente con Ares, así que esperamos que todos e todas desfruten durante este mes das actividades e das festas”.

Back to top