Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DAS AXUDAS MUNICIPAIS PARA OS AGASALLOS DE NADAL 2022

As solicitudes poden rexistrarse presencialmente no concello ou a través da sede electrónica municipal ata o 23 de novembro

A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, presentou hoxe as axudas de Nadal 2022 que teñen aberto o prazo de solicitude ata o 23 de novembro.

As axudas de Nadal dispoñen este ano dun orzamento total de 3.500 euros e poden destinarse a cubrir os gastos derivados da adquisición de agasallos para o Nadal 2022, tales como xoguetes, xogos educativos, libros, ou material necesario para práctica dalgunha actividade cultural ou deportiva (patíns, equipamento para natación, instrumentos musicais, etc).

As axudas consistirán na concesión dun vale cun importe total que dependerá do número de fillos da unidade familiar e que vai dos 50 euros no caso de ter un fillo ata os 240 euros no caso de 6 fillos. Os requisitos xerais para ter acceso a estas axudas son residir en Mugardos, ter fillos menores de 13 anos (a 6 de xaneiro de 2023) e ter ingresos inferiores ao 80% do IPREM na unidade familiar.

As solicitudes deberanse presentar no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou a través da sede electrónica do Concello.

A concelleira sinalou que “estas axudas teñen o obxectivo de impactar de xeito transversal no municipio, un impacto que vai desde a loita contra a desigualdade da poboación ata a estimulación do comercio local e a actividade económica do concello” concluíu Ana Varela.

Back to top