Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBA O NOVO PROXECTO DE REURBANIZACION DA AVENIDA BELLO PIÑEIRO

O proxecto “Modificado II Reurbanización da Avenida Bello Piñeiro” ten un importe de 96.000 euros

Mugardos, 15 de setembro de 2022. O concelleiro de Obras, Jorge Kuntz, informou hoxe da aprobación por parte de Xunta de Goberno Local do proxecto modificado de reurbanización da Avenida Bello Piñeiro do Seixo, por importe total de 96.000 euros, e que xa foi trasladado á Deputación Provincial para a solicitude da subvención comprometida por dita administración.

Kuntz confirmou que o obxecto da aprobación da modificación do proxecto foi dar satisfacción aos requirimentos da propia Deputación. Así, no proxecto definitivamente aprobado descríbense e defínense os traballos de reurbanización que o Concello de Mugardos pretende levar a cabo na Avenida Belo Piñeiro, e que consistirán na substitución do arbolado aloxado nas beiravías da avenida, na reparación dos alcorques das devanditas árbores e das zonas de beiravía deterioradas, na limpeza das beirarrúas e na substitución dos contedores de residuos que se atopen en mal estado de conservación, así como na instalación dunhas pantallas cobrecontedores de madeira sobre todos os exemplares existentes ao longo da avenida que os oculten e integren na contorna.

A maiores, o concelleiro sinalou que a vía require de traballos de mantemento e conservación enfocados tanto na limpeza de beirarrúas, como na reparación do firme ou a ordenación e integración na contorna dos contedores de residuos.

Para rematar, Kuntz sinalou que “o goberno municipal espera dotar á Avenida Bello Piñeiro dun carácter sostible no tempo, en canto o seu futuro uso e mantemento; e co obxectivo final de mellorar a calidade de vida dos habitantes do Seixo e esta actuación así o permitirá”.

Back to top