Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

TRES XORNADAS DE PORTAS ABERTAS DAN INICIO AO CURSO NA ESCOLA DE MÚSICA MUNICIPAL

As persoas interesadas poderán acudir os sábados 3, 10 e 17 de setembro pola mañá

Begoña Roldós, concelleira de Cultura, presentou hoxe a programación para o curso 2022 -2023 da Escola de Música Municipal “As Lagoas”, que dará comezo con tres xornadas de portas abertas programadas para os sábados 3, 10 e 17 de setembro, de 11.00 a 14.00 horas.

As xornadas de portas abertas teñen como obxectivo achegar á veciñaza a escola de música e dar a coñecer a oferta formativa do centro e as súas instalacións. “As ventaxas da formación musical son de sobra coñecidas por todos, e gustaríame lembrar que nunca é tarde para aprender, así que é importante borrar a crenza de que aprender música é cousa de nenos” sinalou Roldós.

Este curso, as clases teóricas programadas son música e movemento, iniciación musical e linguaxes musicais; as clases grupais serán combo, canto e pandeireta; e a formación en instrumentos será das materias clarinete/saxofón, trompeta, violín, percusión, guitarra e piano.

O prazo da matrícula dará comezo o día 15 de setembro, e deberá facerse nas oficinas da OMIX situadas no primeiro andar da Casa do Concello, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Para máis información, as persoas interesadas tamén poden poñerse en contacto co departamento municipal de Cultura chamando ao 981 470 338 (extensión 2033) ou vía correo electrónico cultura@mugardos.gal.

Na presentación, Roldós falou dunha programación “de continuidade” este curso para a escola de música municipal. “O funcionamento da escola é bo, e máis aló da inversión en adquisición de material e  as melloras nas instalacións que queremos facer o próximo ano, non vimos que fose necesario modificar a oferta formativa”.

Back to top