Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS PROCEDE Á ADQUISICIÓN DE 10 DESFIBRILADORES

Os equipos permitirán dar unha rápida resposta no caso de paradas cardiorrespiratorias

O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, informou do acordo adoptado polo goberno municipal para a adquisición de 10 equipos completos de desfibriladores semiautomáticos á empresa Iberocardio Formación SL por un importe de 15.814,64 euros.

O goberno municipal prevé a instalación dos equipos de reanimación cardiopulmonar nos seguintes puntos: Casa do Concello, Pavillon do Cristo, Casa da Cultura, Mercado municipal, Local de maiores, Campo Municipal da Pedreira, Centro de interpretación do Caldoval e Club do Mar. Dotarase tamén de equipos, neste caso portátiles, aos GES e á Policía Local.

Ademáis, sinalaranse datas formativas en todas as parroquias para a veciñanza e os traballadores municipais co obxectivo de dar a coñecer ao maior número posible de persoas o funcionamento dos dispositivos.

“Está demostrado que actuando nos primeiros minutos cando se produce unha parada cardíaca, as posibilidades de supervivencia da persoa afectada aumentan ata un 90 por cento. Os desfibriladores semiautomáticos adquiridos son fáciles de utilizar, xa que xunto aos aparellos hai follas explicativas coas instrucións e, no momento no que se activa o dispositivo, a propia máquina vai indicando como usala” sinalou o rexidor mugardés.

De Deus confirmou que o seu goberno ten o obxectivo de posicionar Mugardos como Concello cardioprotexido “Adquirimos os equipos de reanimación e imos formar á veciñanza e o persoal municipal; así mesmo, temos previsto seguir pondo en marcha iniciativas para impulsar hábitos de vida saudables como o “Mugardos Camiña”. Traballamos na prevención de enfermidades, pero tamén na dotación de medios para unha actuación rápida no caso de emerxencias”.

Back to top