MUGARDOS PARTICIPA POR PRIMEIRA VEZ NO FESTIVAL ATLÁNTICA
O programa mugardés contará coa participación da colombiana Carolina Rueda e a galega María da Pontragha
Mugardos, 29 de xuño de 2022. A concelleira de Cultura Begoña Roldós presentou hoxe o programa do Festival Atlánticana súa sede mugardesa, que desenvolverase no Centro de Interpretación de Caldoval os próximos 5 e 6 de xullo actuacións enfocadas para o público adulto.
O 5 de xullo ás 21.30 horas María da Pontragha, especialista na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral, presentará “Donas do Lugar”, actuación na que través da historia de varias mulleres coñeceremos as pequenas revoltas que se deron nas súas vidas e que cambiaron o camiño das donas nas aldeas. Historias duras e bonitas, cheas de humor que deixan ao público con ganas de seguir dando batalla.
O día 6 de xullo, tamén ás 21.30 horas, será Carolina Rueda quen desenvolva o seu espectáculo de narración oral “Contos e sucedidos”, construído en piares de historias que pecan todas elas por íntimas e á vez por compartidas.
Soledad Felloza, directora de Atlántica sinalou na presentación do festival que un dos principais obxectivos é facer falar o noso territorio, o noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias, e Roldós sinalou que “sen dúbida este obxectivo en Mugardos poderase acadar xa que a localización do Centro de Interpretación de Caldoval é un emprazamento privilexiado para promover ese diálogo entre patrimonio material é inmaterial”.
Nesta edición do Festival Atlántica máis de corenta artistas actuarán nas 94 funcións previstas nos 24 concellos repartidos nas catro provincias galegas. O Festival Atlántica, que celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, vaise desenvolver do 30 de xuño ao 9 de xullo, con boa parte dos espectáculos ao aire libre e en espazos de gran valor patrimonial.