CURSO DE VELA EN MUGARDOS ENTRE O 25 E O 29 DE XULLO
Poderán participar nenos e nenas de 9 a 18 anos de idade
A concelleira de Deportes,Begoña Roldós, informou hoxe de que entre o 25 e o 29 de xullo desenvolverase en Mugardos un curso de vela para nenos e nenas de entre 9 e 18 anos, dentro do programa Campaña de Vela da Deputación da Coruña.
O curso terá unha duración de cinco días en grupos de mañá de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde de 16.00 a 20.00 horas, e a formación impartida consistirá na iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como prácticas de navegación.
O prazo de inscricións será do 1 de xuño ao 7 de xullo, a cota de inscrición é de 25 euros e é imprescindible que os nenos e nenas participantes saiban nadar.
As persoas interesadas en participar deberán entregar no Concello a ficha de inscrición debidamente cuberta (firmada polo pai, nai ou titor do solicitante), xunto co certificado ou volante de empadroamento, fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. Logo de ter confirmada a praza por parte do Concello, deberase facer entrega tamén da copia de aboamento da cota de inscrición.
A selección dos nenos/as participantes realizarase mediante sorteo, pero o Concello de Mugardos dispón de 7 prazas aseguradas por ser unha das sedes do programa. No caso de existir moitas solicitudes, o Concello elaborará unha listaxe de reserva e os nenos e nenas que non accedesen polas prazas reservadas poderían facelo polo sorteo.
Desde o Concello trasladouse á Deputación a adecuación das instalacións mugardesas para o desenvolvemento do curso, xa que conta no propio peirao cunha instalación deportiva concesionada ao Club do Mar de Mugardos (remo) que dispón dos servizos loxísticos para o desenvolvemento dos cursos de vela e windsurf. Ademais no mesmo peirao existen dous edificios públicos, a Casa do Reloj e Confraría, que dispoñen de espazos que se poderían xestionar desde o Concello no caso de ser precisos. Ademáis, existen varias ramplas para a descarga de embarcacións (unha diante do propio Club do Mar), así como zonas de fondeo e puntos de amarre no pantalán. Na ría existe unha zona navegable na enseada da Redonda entre a Punta do Ratón e a Punta da Redonda que libra da zona da canle da ría e da navegación de barcos.