ARRINCA A XXX EDICIÓN DA FESTA DO POLBO DE MUGARDOS
A festa volve con forza e chea de novidades para a súa edición máis especial
A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Roldós, informou hoxe da posta en marcha dos traballos municipais para a preparación da XXX Festa do Polbo de Mugardos, unha das edicións máis especiais da súa historia, que terá lugar o próximo sábado 9 de xullo.
Desde o goberno municipal confirmouse que a pasada semana xa se celebrou a primeira das reunións de coordinación para tratar todos os aspectos relevantes da celebración da festa. Unha festa que volve, logo das limitacións da pandemia, con moitas novidades en canto á organización e os horarios.
No encontro expuxéronse os aspectos xerais da festa, que recupera a normalidade dos aforos e que virá marcada pola fixación de franxas horarias escalonadas co obxectivo de ofrecer unha experiencia gastronómica pensando máis no desfrute do día que na masificación do evento.
“Decidimos fixar franxas horarias con 650 persoas por hora o que permitirá atender aos asistentes, que poderán ver cómo se prepara o polbo e que no momento de acceder á carpa saberán que teñen un espazo limpo e cómodo garantizado” sinalou ao respecto Begoña Roldós.
Na reunión aprobouse o operativo de seguridade e emerxencias do evento, no que se sinalaron os medios humanos e materiais dispoñibles e a súa ubicación, co propósito de acadar a máxima seguridade no día en que Mugardos recibe a maior afluencia de público do ano.
Relacionado con este punto, no encontro abordouse tamén a organización da entrada e saída da carpa para evitar aglomeracións e problemas de seguridade, polo que se traballou no deseño deste operativo.
As zonas de estacionamento foron tamén obxecto de atención. Definíronse espazos de aparcamentos disuasorios e os traballos previos necesarios para a súa adecuación (sinalización, desbroce, e demáis traballos de preparación).
Na reunión planteouse a proposta de ubicación para os escenarios e as barracas, que serán instalados en datas previas á festa do polbo con motivo das Festas.
Este ano, a organización decidiu sumar ao agasallo habitual que reciben os asistentes da cerámica tradicional, un kit de xel hidroalcólico.
Begoña Roldós engadiu que “hai algunha sorpresa preparada para o día da festa, pero aínda non podemos adiantala. En calquera caso, estamos a preparar unha celebración con novidades pero que volve á esencia do que sempre foi a Festa do Polbo de Mugardos, un evento gastronómico e familiar, no que comer o polbo e desfrutar da xente o do pobo sempre foi o máis importante”.
Á reunión asistiron a propia concelleira como responsable da organización, o concelleiro de Persoal Miguel Mahía como responsable da coordinación do persoal municipal participante no operativo, a animadora sociocultural municipal, o xefe da Policía Local, un representante de Protección Civil e a administrativa do departamento, para tomar acta da reunión.