O PLENO DO CONCELLO DE MUGARDOS APROBOU HOXE A SOLICITUDE DE MÁIS DE 720.000 € PARA AS OBRAS DO POS 2022
A mellora de servizos e pavimentos nas rúas Coruto-As Barcias, Apelón e Avenida de Galicia, xunto co parque de San Vitorio, foron os proxectos aprobados hoxe no Pleno extraordinario
Mugardos, 4 de marzo de 2022. O concelleiro de Obras e Servizos Jorge Kuntz informou da aprobación no día de hoxe polo Pleno da Corporación ao abeiro do programa POS 2022 das obras de mellora de servizos e pavimentos nas rúas Coruto – As Barcias e Apelón xunto co parque de San Vitorio por un importe total de 357.491,42 €, xunto coa reurbanización da Avenida de Galicia no POS complementario por 365.330,89 €.
As actuacións de acondicionamento do parque de San Vitorio teñen como obxecto adaptar a zona a unha área de xogos infantís, retomando así o uso ao que fora destinado anos atrás. Valoradas nuns 40.000 €, transformaránse aproximadamente uns 200 metros cadrados nos que se instalarán pavimento de seguridade de caucho continuo en toda a superficie, novos xogos infantís formados por un tobogán, unha randeeira dobre e outro con cesta, e dous balancines. O parque contará cun valo de seguridade, bancos de madeira e papeleira.
Kuntz quixo facer unha pequena aclaración ao respecto da inclusión desta obra no POS. “Con esta obra estamos a cumprir o noso compromiso de incluir unha obra nun parque en cada unha das convocatorias que a Deputación fai do POS, e así o estamos a facer con esta actuación, que recupera un espazo de lecer infantil en San Vitorio”.
Os 118.579,79€ que se proxectan investir no Seixo, serán para atallar a situación actual da zona comprendida entre as rúas de Coruto e As Barcias (Baixada da Marnela), na que é necesario solucionar os problemas de inundacións e deficiencias na rede de evacuación da auga de choiva. As actuacións irán desde o soterramento da rede de iluminación nas rúas Coruto e Barcias, pasando pola renovación da rede de pluviais, fecais e de abastecemento na rúa Coruto, e tendo en conta a existencia dunhas vivendas a unha cota inferior do camiño na rúa Coruto que provoca inundacións nestas os días de choivas, será preciso acometer a obra de recollida destas augas e solucionar a pendente da rúa nos primeiros metros, ademais de acometer a recollida das augas pluviais. Para rematar, abordarase a regularización puntual e a renovación do pavimento das rúas Coruto e As Barcias, levando a cabo as mencionadas modificacións da rasante das rúas e as modificacións da pendente transversal nos primeiros metros da rúa Coruto, próximo ao cruce coa Avda. do Seixo.
Na rúa Apelón, está previsto investir case 200.000 € (198.911,63 €), co obxectivo de abordar as obras necesarias para a mellora de servizos: saneamento realizando a separación da recollida de augas pluviais e fecais, instalación dunha nova rede de abastecemento de auga potable e a obra civil para o alumeado público, así como a nova pavimentación nas rúas Apelón e San Fernando, concretamente no ámbito limitado pola rúa do Mercado ao leste, rúa Peteiro ao norte e rúa San Telmo – rúa Alta ao oeste.
Para o POS complementario, a obra proxectada será a reurbanización da Avenida de Galicia dende o cruce da rúa Mercado ata o encontro co regato do Cano da rúa. Cun orzamento de licitación de 365.330,89 €, este investimento irá destinado á instalación dunha nova rede de saneamento de augas pluviais e á renovación dos servizos existentes: saneamento de augas fecais, abastecemento de auga potable, obra civil para soterramento da rede de iluminación pública e finalmente á nova pavimentación a realizar en todo o percorrido.
O responsable de Obras municipal non puido ocultar a súa satisfacción pola aprobación deste plan de obras POS 2022 que permitirá acometer actuacións que el mesmo cualificou de “imprescindibles e urxentes”. “Hai que agradecer ao grupo municipal socialista o seu traballo e compromiso, xa que foron os únicos que presentaron propostas nas dúas sesións da comisión informativa nas que se tratou este asunto. Grazas a eles e á súa responsabilidade política, en Mugardos poderanse realizar estas obras. Agradecer tamén ao concelleiro do BNG que mostrou o seu apoio explícito ás obras seleccionadas para este POS. Esperamos que en próximas ocasións todas as forzas municipais se sumen a esta forma de entender o traballo municipal, na que facer propostas e debatilas redunda na mellora da vida dos veciños e veciñas”.