ACORDO ENTRE O GOBERNO E OS TRABALLADORES PARA APROBAR UNHA NOVA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO
Mugardos, 3 de febreiro de 2022.- Miguel Mahía, concelleiro de Personal de Mugardos, confirmou no día de hoxe que goberno e representantes dos traballadores acadaron un acordo definitivo para dar unha nova redacción á Relación de Postos de Traballo municipal (RPT), na que se recollerán ata 20 novas prazas. Consolídase así a estreita colaboración entre goberno e traballadores.
Os cambios principais enmárcanse na adecuación do documento por criterios de legalidade, co recoñecemento dos postos do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal), de Tesourería e do oficial xefe da Policía Local; e a adecuación por criterios de necesidade no caso das prazas de auxiliar administrativo para os servizos de Secretaría, Intervención e Urbanismo, así como as prazas dos catro xefes de quenda do GES e o técnico de Servizos de Prevención.
Mahía quixo destacar que “os cambios veñen enmarcados, unha vez máis, pola relación de diálogo e colaboración permanente entre goberno e traballadores e polo obxectivo común de desenvolver o mellor marco de traballo na Administración. Esta colaboración está a permitir a transformación do Concello tanto na forma de traballar como nos procedementos administrativos, facendo moito máis eficiente e eficaz as tarefas desenvoltas polo persoal”.
O seguinte paso será a redefinición dos postos xa existentes para adecuar as tarefas dos traballadores reflectidas na RPT ás actuáis “Coa transformación administrativa do concello e a súa modernización, temos pendente a actualización dos postos xa recollidos na RPT. Iniciamos ese proceso para mellorar e acelerar a resposta do concello ás necesidades dos traballadores e da veciñanza”. A relación de postos de traballo (RPT) é o documento que recolle todos os postos de traballo que hai no Concello, e polo tanto trátase dun instrumento organizativo que permite estruturar ao persoal municipal ordenando o traballo, para mellorar a eficiencia da administración en función das necesidades dos servizos.