Programación de prevención da violencia de xénero
A programación que se desenvolve nestes días e no mes de decembro foi consensuada entre o centro educativo e o Concello de Mugardos para dar resposta ás inquietudes do alumnado e ás necesidades da sociedade actual. Correspóndende aos obxectivos do Eixo 1 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Sucesos violentos dos últimos días, como o da nena de 16 anos de Igualadada, poñen de manifesto unha realidade moitas veces silenciada, que son as agresións sexuais; aínda mais se temos en conta que só se denuncia o 11% das violacións. O incremento de agresións sexuais (24,6 % máis que o ano pasado) e o aumento da violencia psicolóxica e de control entre adolescentes, e o incremento da crueldade e brutalidade nestes delictos, esixe unha resposta das institucións para poder mudar esta terrible realidade.
Así, con este obxectivo, programáronse as seguintes actividades:
Para o alumnado de 3º e 4º da ESO (estase estudando amplialo a outros cursos), o 9 e o 11 de novembro respectivamente :
- Curso de autodefensa feminista, a través dunha pedagoxía lúdica e con ferramentas de mínimo esforzo e máxima eficacia, desenvólvense estratexias maximizando as fortalezas das mulleres para afrontar posibles agresións.
- Curso de novas masculinidades, de cara a construir masculinidades que faciliten relacións humanas máis pacíficas e positivas, alonxadas de machismos e actitudes baseadas na desigualdade.
- Obradoiros de educación afectivo-sexual para 2º e 3º da ESO, de cara a crear relación sexoafectivas sanas, igualitarias e baseadas no respecto por un/unha mesma e polas outras persoas.
- Obradoiro “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xurden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión, etc., a través da Secretaría Xeral da Igualdade, para o alumnado de 3º da ESO
- Obradoiros de educación emocional, 4º ESO 1º e 2º de Bacharelato. Recentemente, dende o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CGPJ, se indicaba que as mozas vítimas de violencia de xénero tenden, por descoñecemento, a minimizar actos que son constitutivos de delito e a xustificar aos maltratadores. Ademais, sofren de forma máis dramática o illamento da violencia de xénero, pois temen ao agresor e a reacción dos seus proxenitores e senten vergoña de recoñecerse como vítimas.
Para o alumnado de 1º e 2º da ESO, o 10 de decembro o IES acollerá dous pases da representación teatral e musical “As do Mare”, a cargo de Rilo e Penadique, que pon en valor o labor das mulleres do mar, visibilizando a aportación feminina á vida mariñeira, temática sobra a que xira o proxecto educativo do IES de Mugardos neste curso.
Para o vindeiro trimestre estanse programando xa as actividades enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de xénero, e doutras temáticas como os Obradoiros de prevención de condutas adictivas relacionadas coas Tecnoloxías de Información e comunicación TICs.
O Concello de Mugardos tamén está adherido á campaña DE FRONTE impulsada dende a área de igualdade da Deputación da Coruña con motivo do 25N, na que se proponen diversas actividades durante todo este mes.
O Concello de Mugardos, tal e como indicaba o seu lema do 8 de marzo, insiste en traballar todos os días por todas as mulleres e por todos os dereitos para acadar unha sociedade mais xusta, igualitaria e segura para todas e para todos.