A XUNTA DE GALICIA AVANZA NA EXECUCIÓN DA SENDA RILO – FRANZA
A Concellería de Urbanismo dirixida por Juan Domingo de Deus informou da publicación no DOG a pasada semana da convocatoria do levantamento das actas previas fixado para o día 19 de febreiro, e do acto de pagamento dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación o vindeiro día 9 de abril, necesarios para a execución da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo.
Este proxecto xa en proceso de contratación, conta cun investimento de 500.000 euros – sendo a base de licitación de 466.813,69 € – por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, incluíndo o pago das expropiacións dos 33 predios necesarios para a actuación.
O acto expropiatorio de levantamento de actas previas está fixado para o día 19 de febreiro no pavillón municipal do Cristo, das 10.30 ás 13.30 horas, en Mugardos. Con posterioridade, realizarase a convocatoria de pagamento dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación. Neste caso os titulares dos terreos están citados o 9 de abril, tamén no Pavillón do Cristo entre as 10.30 e as 13.30 horas. Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19.
Juan Domingo de Deus mostrou a súa satisfacción polo avance deste proxecto administrativamente moi complexo, pero que confía sexa unha realidade durante este 2021 “A presentación de máis de 15 ofertas na fase de licitación dá unha idea do interese polo desenvolvemento desta infraestrutura e da importancia de realizar a tramitación do xeito máis garantista e seguro para os titulares dos terreos”.