A CONCELLERÍA DE URBANISMO IMPULSA O ANTEPROXECTO DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL
A Concellería de Urbanismo vén de encargar o anteproxecto da nova biblioteca pública que estará situada na Avenida de Galicia, co obxectivo de definir as necesidades, custes aproximados e prazos de execución da nova instalación cultural municipal. O anteproxecto financiarase íntegramente con fondos municipais e terá un custe aproximado de 12.000 euros.
Este documento terá en conta, en primeiro lugar, as achegas técnicas que están a realizar tanto desde o departamento de cultura como desde o departamento de urbanismo, xa que a nova ubicación obriga a respectar as características especiais e existe a necesidade de adaptarse a súa normativa urbanística específica e ás especificidades da localización.
O prazo para a elaboración deste anteproxecto é de aproximadamente dous meses, e logo da súa finalización, o goberno municipal abrirá un procedemento de participación cidadá para dar voz a todos os colectivos que desexen coñecer o anteproxecto así como realizar as súas propostas.
“Estamos a iniciar un proceso moi emocionante xa que a nova biblioteca municipal é unha reivindicación histórica da sociedade mugardesa, e todos e todas poderemos aportar no seu desenvolvemento, e máis pronto que tarde, a nova biblioteca vai ser unha realidade feita conxuntamente polo concello, o tecido asociativo e os mugerdeses e mugardesas” concluíu Juan Domingo de Deus.