Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE DEPORTES ABORDARÁ A RENOVACIÓN DA CUBERTA DO PAVILLÓN DO CRISTO

A Concellería de Deporte informou hoxe do encargo do proxecto para a renovación da cuberta do pavillón do Cristo, cun custe aproximado estimado polos técnicos de 65.000 euros, dos que o concello deberá realizar unha achega de fondos propios de 25.000 euros.

A financiación do proxecto está asegurada a raíz da confirmación da concesión da subvención pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia de 40.000 euros que virán a unirse á achega municipal.

A subvención foi solicitada pola Concellería de Deportes dirixida por Begoña Roldós fai uns meses para dar cobertura á demanda dos usuarios e usuarias do pavillón que levan anos queixándose do estado da cuberta e das pingueiras que dificultaban a práctica deportiva.

O proxecto abordará a substitución completa da cuberta, afectada neste momento por unha grave corrosión tanto nas placas como nos ancoraxes das mesmas. Desde a concellería aclararon que non hai risco para as persoas, pero si de pingueiras e inundacións. Na obra instalaranse materiales que eviten este tipo de deficiencias no futuro, máis seguros, resistentes e lixeiros.

“Resulta chocante que ata o momento ningún goberno municipal afrontara a renovación da cuberta, cando é sen dúbida a actuación máis urxente que require o pavillón desde fai anos. É certo que este tipo de obras non son tan “electoralistas” pero sen dúbida son moito máis necesarias, e nós non imos gastar un peso máis no pavillón sen afrontar antes esta obra na cuberta que é a máis necesaria”.

Aínda que non hai prazos pechados para o inicio das obras, a concelleira confirmou que as obras realizaranse este ano – probablemente no verán pola disminución das choivas – o que permitirá iniciar o curso 2021-2022 cun pavillón completamente renovado, tras a certificación das últimas actuacións realizadas que incorporarán unha sala de usos múltiples, os novos vestiarios e as medidas de aforro enerxético.

Back to top