TODOS OS MEMBROS DO GOBERNO MUNICIPAL XESTIONARÁN ÍNTEGRAMENTE AS SÚAS ÁREAS
O alcalde de Mugardos Juan Domingo de Deus informou hoxe da delegación de competencias en todos os concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, de xeito que serán cada un deles os encargados de dirixir e xestionar os seus servizos, e tamén de resolver mediante actos administrativos (decreto ou resolución) as cuestións que afecten a terceiros en tódalas materias das súas áreas.
Esta decisión foi adoptada polo alcalde segundo as súas palabras “por que a confianza no meu equipo é absoluta, o traballo que se está a realizar entre os concelleiros e concelleiras e os seus departamentos é excelente, e a administración necesita ser áxil nas súas respostas, e qué mellor que delegar nos que máis cerca están dos temas”.
O rexidor quixo subliñar que é a primeira vez que todos os membros dun goberno municipal en Mugardos disporán da capacidade de firmar as resolucións relativas aos seus departamentos, do que poderán beneficiarse todos os veciños e veciñas pola mellora na axilidade que suporá para a xestión administrativa municipal “Fai 10 anos só podía firmar o alcalde en papel, en horario de oficina e sentado no despacho do secretario; hoxe pode facelo calquera concelleiro ou concelleira, desde calquera lugar a calquera hora. Pouco a pouco a administración adáptase á realidade dos tempos que vivimos”.