MUGARDOS AMPLÍA POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA ATA 98.000 EUROS
O Pleno do Concello de Mugardos adoptou onte un acordo histórico para a ampliación das prestacións económicas de emerxencia social e a adquisición de alimentos para o centro solidario, ata chegar aos 98.000 euros.
Segundo informou o concelleiro de Facenda, Miguel Mahía, esta partida nunca chegara a esgotar o importe orzamentado, polo menos desde que existen os rexistros contables informatizados “Tiñamos xa o maior importe adicado a estas axudas, 81.000 euros que quedou totalmente esgotado, polo que tomamos a decisión extraordinaria de ampliar o importe ata os 98.000 euros”.
Ante esta circunstancia excepcional, acordada por urxencia no pleno ordinario da tarde de onte, o concelleiro lamentou que non se lograra acadar a unanimidade dos grupos “Diante de situacións nunca antes vividas nos servizos sociais agradecemos ao grupo municipal socialista o seu apoio á proposta, e esperamos que Esqueda Unida e BNG muden a súa negativa e cheguen a comprender que votar a favor de ampliar as axudas de emerxencia social e a adquisición de alimentos para o Centro Solidario Municipal non é botarlle unha man ao goberno, é botarlle unha man aos mugardeses e mugardesas así como garantir o dereito ao acceso a unha prestación de alimentos de primeira necesidade a quen o necesite”.
Na modificación orzamentaria aprobada, tamén se ampliaron as partidas para a prestación no servizo de axuda a domicilio froito das modificacións derivadas da emerxencia sanitaria pola COVID, así como para a ampliación do servizo de apoio de limpeza nos centros educativos (CEIP Unión Mugardesa e CEIP Santiago Apóstol). Do mesmo xeito, ampliáronse as partidas adicadas á substitución do persoal de diversos servizos municipais (auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar, lixo, GES, biblioteca, administración Xeral) que non estaban previstas inicialmente, ou que estando previstas non se contaba que se alongasen tanto no tempo.