Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CONTINÚAN AS TAREFAS DE DESINFECCIÓN PARA A PREVENCIÓN DE CONTAXIOS

A Concellería de Servizos intensificou os traballos de desinfección dos espazos de maior aglomeración de persoas como as contornas do Centro de Saúde, do Mercado Municipal, o Xulgado de Paz, as farmacias e as instalacións educativas e municipais.

Os parques infantís son desinfectados de xeito diario desde a súa reapertura logo do estado de alarma do mes de marzo.

Os exteriores dos centros educativos que son desinfectados son a Escola Infantil Municipal “As Lagoas”, o CEIP Unión Mugardesa, o CEIP Santiago Apóstol de Franza, o Colegio Loyola e o IES de Mugardos.

As zonas públicas das dependencias municipais que son desinfectadas son o Pavillón do Cristo, o Local Social de Maiores de Mugardos, o Centro Solidario do Seixo, a Escola Unitaria do Seixo, o centro de formación de Francisco Vizoso de Franza, a Casa da Cultura de Mugardos e a Biblioteca Municipal.

Estas tarefas están a ser realizadas polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal e coordinadas pola Concellería de Servizos e de Persoal, e veñen a reforzar o traballo realizado desde o primeiro estado de alarma.

O concelleiro de Servizos Jorge Kuntz confirmou que “de detectarse novas zonas que requiran desinfección, a concellería está en condicións de facelo por que esta é unha das nosas prioridades durante o peche perimetral. Poremos todos os recursos necesarios para a prevención dos contaxios”.

Pola súa parte, o concelleiro de Personal Miguel Mahía agradeceu aos integrantes do Grupo de Emerxencias Supramunicipais GES o seu excelente traballo e sinalou que “como xa lles fixen saber a eles, teñen o compromiso do goberno municipal de contarán co material necesario para a realización destas tarefas coa máxima seguridade e eficacia”.

Back to top