Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA AUTORIZA AS EXPROPIACIÓNS PARA A EXECUCIÓN DAS OBRAS DA SENDA RILO – FRANZA

O alcalde de Mugardos e concelleiro de Mobilidade Juan Domingo de Deus confirmou que a Xunta vén de anunciar que as obras da senda Rilo-Franza realizaranse o próximo ano logo do desbloqueo deste proxecto no mes de maio e a aprobación das expropiacións a pasada semana no Consello da Xunta.

En concreto, o decreto aprobado declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución da senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo, e que suporán o pagamento de ata 33.000 euros polas expropiacións dos 33 predios necesarios para esta actuación.

Así mesmo, de Deus informou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto licitar as obras por importe total de 500.0000 euros entre finais de 2020 e principios de 2021, e executalas en 2021. O levantamento de actas previas será no primeiro trimestre do 2021.

“Este foi un proxecto que iniciaramos estando no goberno en 2015 e que está a piques de ser unha realidade, é certo que podería ter chegado antes de non terse paralizado durante anos polo anterior goberno municipal, pero o importante é que por fin realizarase a obra desta senda, moi reclamada pola veciñanza, e que suporá unha enorme mellora na mobilidade” subliñou o alcalde.

Por outra banda, de Deus confirmou que o goberno segue a traballar en medidas que melloren a mobilidade no concello, e que no recente encontro de traballo que se mantivo co delegado territorial da Xunta Gonzalo Trenor, expúxose o interese do concello pola creación de sendas peonís en zonas que na actualidade presentan problemas de mobilidade, e que ademais supoñan unha mellora na seguridade nos desprazamentos da poboación. Por iso, ambas administracións acordaron estudar a viabilidade técnica e económica do desenvolvemento da senda Peteiro – O Baño.

Back to top