Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

19 COIDADORES VOLUNTARIOS COLABORARÁN CO CONCELLO NO CONTROL DAS COLONIAS FELINAS

O pasado sábado celebrouse un primeiro encontro no Salón de Plenos

Mugardos, 8 de febreiro de 2022. Miguel Mahía, concelleiro de Participación, trasladou hoxe a súa satisfacción polo éxito acadado coa posta en marcha do control de colonias felinas, logo de chegar á vintena de voluntarios de todas as parroquias para participar nesta iniciativa que pretende acabar de xeito respectuoso con estas agrupacións de gatos rueiros.

O concelleiro iniciou o encontro agradecendo a presencia dos voluntarios e o traballo que xa están a facer no coidado dos felinos, e quixo poñer de exemplo o caso dunha veciña que leva 7 anos alimentando e coidando dunha colonia de gatos “Temos que estar aí e axudar a persoas que, polo seu amor e respecto aos animais, nalgúns casos levan anos gastando os seus cartos para controlar un posible perigo para a seguridade e da saúde pública”.

Desde o concello trasladouse aos voluntarios o seu agradecemento polo seu interese e participación, e comunicouselles a tramitación administrativa necesaria para participar de xeito oficial no programa de control de colonias e dispór dos medios e a información que o concello e Indicán trasladarán aos participantes.

Mahía destacou tamén que á reunión asistiron dúas persoas de concellos da provincia que trasladaron o seu interese por coñecer as medidas tomadas desde Mugardos, xa que esta iniciativa está a valorarse como unha proposta “pioneira” entre os concellos de tamaño pequeno da zona.

“Seguimos traballando conxuntamente todos os membros do goberno, e logo de ver á implicación da veciñanza, con máis forza e convicción que nunca no coidado do noso municipio e dos animais. Non hai nada máis gratificante en política que traballar mán con mán cos veciños para mellorar” finalizou o concelleiro.

Back to top