10 CAMAS ARTICULADAS MUNICIPAIS A DISPOSICIÓN DOS DEPENDENTES MUGARDESES
A concelleira de Benestar Social Ana Varela informou hoxe de que na actualidade o concello dispón de 10 camas articuladas para cedelas en préstamo ás familias mugardesas que requiran deste tipo de dispositivos, e que a día de hoxe son tres as que están xa asignadas a usuarios ou usuarias.
Este tipo de camas permite a mellora da atención e a autonomía das persoas dependentes ou convalecientes polas especificacións e diseño, evitando algúns dos maiores inconvenientes á hora de atender e realizar a hixiene persoal de persoas encamadas ou inmovilizadas por parte dos coidadores.
A pasada semana os voluntarios e voluntarias de Protección Civil retiraron e instalaron dúas camas en domicilios do municipio, grazas ao traballo coordinado coa Concellería de Obras que cedeu o material para poder levar a cabo o traslado.
A concelleira quixo agradecer a Protección Civil o seu traballo e a súa colaboración, así como aos responsables do Hospital Juan Cardona. “A mellora nas condicións de atención ás persoas dependentes supón unha mellora do seu estado xeral, do seu descanso e tamén das condicións dos coidadores”
Ana Varela confirmou que seguirán as melloras na atención aos dependentes do municipio “porque confiamos na importancia e no valor dunha atención integral aos maiores”.
Para recibir en préstamo unha cama articulada non fai falta ser usuario dos servizos sociais municipais, pero a solicitude será valorada baixo os criterios dos técnicos municipais do departamento. A solicitude debe realizarse no departamento de servizos sociais, sito no segundo andar da Casa do Concello, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Tamén pode contactarse telefónicamente chamando ao 981 470 290 (extensión: #2017).