Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE PARTICIPACIÓN SEGUE A TRABALLAR NA MODERNIZACIÓN E A TRANSPARENCIA DA ACTIVIDADE MUNICIPAL

A Concellería de Participación dirixida por Miguel Mahía confirmou hoxe que nas próximas semanas implementarase a celebración telemática de todas as sesións municipais de comisións informativas, comisión especial de contas, Xuntas de Goberno Local e Xuntas de Voceiros.

Ademáis, o goberno municipal vén de pór en marcha unha nova ferramenta para que a veciñanza teña acceso á información municipal na que pode visualizarse a celebración das sesións plenarias a través de calquera terminal con acceso a internet. Desde esta plataforma, os usuarios poderán acceder á sesión plenaria en vídeo e audio, e dirixirse directamente aos puntos do pleno que máis interese teñan ou ás votacións. Pode accederse na seguinte ligazón: http://actasesionesdigital.smartis.es/mugardos/visor.aspx?id=1.

Mahía fai unha valoración positiva do traballo realizado nos últimos meses desde o departamento de participación “Recibimos opinións moi positivas dos cambios realizados: plenos telemáticos, nova web oficial, revitalización do Facebook municipal, posta en marcha do “Mugardos en Liña”, etc. Foron moitas as novidades e o balance é moi positivo”.

En concreto, o concelleiro quixo destacar o servizo Mugardos en Liña, do que informou que na actualidade dispón de máis de 750 usuarios e usuarias activos, e que revolucionou a forma de comunicarse entre a administración local e a veciñanza, de xeito áxil e directo “Calquera pode informar dunha avaría no alumeado ou do depósito de enseres desde o seu teléfono a calquera hora do día, calquera día do ano, xa non hai barreiras”.

“En resumo, implementamos medidas de información directa, múltiples canles de acceso á información e máis transparencia. Pero seguimos traballando: queremos aumentar o uso da sede electrónica municipal, que permite non ter que desprazarse ao concello para a realización de tramitacións oficiais, así como a pasarela de pagos de recibos e licenzas directamente desde a web municipal” rematou Miguel Mahía.

Back to top